05/11/09

Flanagan deluxe






O libro gustoume moito xa que é un libro que engancha. A parte que máis me gustou foi o final porque é un final sorprendente. O que menos me gustou foi o principio xa que se facía un pouco aburrido.
Alejandro Dios Dominguez( 5/11/09)

28/10/09

Eu e os meus colegas




Eu e os meus colegas
pareceume un libro moi interesante, que reflecte como é a vida adolescente na vida real.
Ángel Estévez Pastoriza 4º ( 28 de outubro de 2009)

22/10/09

A chamada da selva




A min esta novela encantoume.Gustoume moito porque expresa unha gran sensación de liberdade e tamén porque me parece moi emocionante unha historia deste tipo, na que o can ten que pasar por un dos ecosistemas máis extremos do mundo, Alaska, para conseguir atopar a súa verdadeira personalidade.


Jorge Bernárdez Martínez 4º( OUTUBRO 2009)

As mans de medo



As man do medo é un libro bastante interesante no que se contan sete historias de medo. O malo é que algunhas das historias son difíciles de entender e outras son moi longas e por iso faise algo aburrido ó chegar á metade do libro.


Celestino Durán Pouseu 4º
ESO ( OUTUBRO 2009)

14/10/09

Comezamos coa hora de ler















Prezados pais e nais:

Como saberedes o Plan Lector do IES Illa de Ons encontra entre as súas prioridades non só que o alumnado adquira unha axeitada competencia lingüística (isto é: que saiban ler correctamente), senón tamén unha motivación e un gusto polo feito de ler. Neste sentido tomouse o acordo de dedicar algún tempo en todas as materias a unha actividade diaria de lectura individual. Esta actividade comezará a partir do día 19 de outubro e para a súa realización empregarase todo tipo de textos, de xeito que poda haber alumnas e alumnos que opten por ler unha novela, unha revista (cun contido axeitado), un xornal, etc.

Os alumnos e alumnas poderán empregar libros, xornais e revistas da biblioteca do IES ou ben traeren as súas propias lecturas da casa, sempre baixo a supervisión indicada.

Con esta carta pretendemos comunicarvos o noso interese polo éxito desta actividade, para o cal é importante a vosa colaboración facilitando aqueles materiais de lectura que resulten interesantes.

O Claustro de profesores do IES Illa de Ons.

Bueu, outubro 2009


MOCHILAS VIAXEIRAS


PREZADOS PAIS E NAIS:
"Os libros gustan da viaxe e da sorpresa, agardan nos andeis ou nos expositores por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura".
Esta semana poñeremos en marcha a actividade das Mochilas Viaxeiras. A mochila viaxeira permitirá levar libros á casa para compartilos coa familia:un conto ,un libro de poemas , as imaxes dun álbum , esa música que nos conmove, unha película, un libro que complementa o tema que andamos a traballar no I.E.S
A súa finalidade:
A mochila viaxeira está pensada para que, desde a biblioteca escolar, se poida organizar unha actividade que implique ás familias, e así proporcionar un motivo de encontro entre os distintos membros desta, tomando como motivo o mundo dos libros e da lectura. A mochila é o soporte que permitirá aos rapaces e rapazas levar á súa casa, en préstamo temporal, uns materiais que reforcen o vínculo entre familia e escola no seu labor común para a formación dos lectores .

Trátase dunhas mochilas nas que recibiredes unha selección de lecturas e música feitas polo equipo de biblioteca e da que poderedes disfrutar en préstamo durante 15 días.
Son en total 4 mochilas, unha para cada nivel.
O noso obxectivo é compartir con vós o gusto pola lectura, presentándovos algúns títulos que esperamos vos agraden.
A mochila que recibiredes conterá tamén no peto dianteiro unha ficha coa lista dos libros prestados e as datas de entrega. Haberá un pequeno caderno onde poderedes anotar algún comentario sobre esta experiencia: se vos gustaron os libros, se vos parecen suficientes, se houbo algún que vos gustou en particular e por que, se a actividade é interesante, e todo aquilo que pensedes que se pode mellorar.

Saúdos
Equipo de biblioteca

30/05/09

GALEGO E COMUNICACIÓN CIENTÍFICA

Científicos galegos no exterior fan público un manifesto en defensa da lingua

MANIFESTO PUBLICADO EN VIEIROS

Nove destacados investigadores, vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), dan un paso adiante para rebater prexuízos lingüísticos.

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.


En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,


Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.

23/04/09

Visita de Anxo Fariña




Non hai mellor ocasión para conmemorar o día do libro, que traer a un escritor-ilustrador coma Anxo Fariña, para falarnos dos seus proxectos, ideas, e forma de traballar.

GRAZAS,ANXO.

06/04/09

Escalada en Donón



O xoves 2 de abril, o profesor de Educación Física Toño levou os alumnos/as de 4º da ESO a facer escalada en Donón contando coa valiosa axuda de Susana.

Aproveitamos para visitar as escavacións do castro do Facho.
Tivemos a compañía dos lagartos arnais e dun grupo de arroaces que se achegaron a costa.


video




video